Saturday 18 de May de 2024

O Pleno Municipal de Noia aproba catro dedicacións exclusivas e dous cargos de confianza


A oposición coincidiu en pedir que o alcalde tomase unha dedicación exclusiva e eliminase os cargos de confianza

O Concello de Noia celebrou esta mañá a súa sesión plenaria de organización, na que se acordou fixar os plenos ordinarios os últimos xoves de cada mes ás 21:00 horas, o que supón un cambio con respecto á pasada lexislatura, que tiñan lugar ás 20:30 horas. Isto é así porque o grupo de Goberno aceptou unha petición da Marea de Noia para facilitar a asistencia dunha das súas concelleiras.

As áreas de Goberno quedan do seguinte xeito:

– Santiago Freire Abeijón, alcalde
– María Luísa Villar Ageitos, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade
– Julio Bustelo Castaño, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural e Mariño, Casco Histórico, Patrimonio, Policía Local, Seguridade Cidadá e Viaria.
– José Pérez Martínez, terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Cultura
– Ángela Neri Arufe, tenente de alcalde e concelleira de Persoal, Participación Cidadá, Eventos, Emprego e Relacións Veciñais.
– Juan Ramón González Oviedo, tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Ornato Público e Protección Civil.
– Mariola López Cierto, Parques e Xardíns, Comercio e Hostalería, Promoción Institucional e Ensino.
– Martín Fernández Godón, concelleiro de Urbanismo, Obras e Medio Ambiente.
– Laura Salgado García, concelleira de Economía e Facenda, Deportes e Xuventude e Novas Tecnoloxías.

Dedicacións e postos de confianza

As dedicacións e os cobros por asistencia a órganos colexiados centraron gran parte do debate desta mañá. Así, o alcalde de Noia, Santiago Freire, confirmou que non percibirá dedicación exclusiva esta lexislatura, quedando conformadas catro dedicacións exclusivas de 25.662 euros brutos anuais cada unha para os concelleiros/as María Luís Villar, Mariola López Cierto, Martín Fernández Godón e Laura Salgado García.

A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE e Noia, e coas 3 abstencións da Marea e do BNG. Os grupos da oposición non cuestionaron nin a composición nin a contía das dedicacións, se ben coincidiron en demandar que o alcalde tomase unha dedicación exclusiva. Unhas peticións que o alcalde agradeceu, se ben lamentou que “despois se saquen panfletos aos veciños cuestionando eses soldos”.

Máis debatido estivo a aprobación da contratación de dous postos de persoal eventual para actuar como secretario/a de Gabinete de Alcaldía e asistente de Gabinete do Goberno, ambas por 22.041,62 euros brutos anuais. O acordo saíu adiante cos votos a favor de PP e NOIA, e cos votos en contra de PSOE, Marea e BNG.

O voceiro do BNG, Ricardo Suárez, cuestionou que “as funcións e requisitos deses dous postos non están ben explicados”, mentres que o voceiro da Marea, Manuel Seijas, indicou que “preferiríamos que fose alguén elixido pola cidadanía, porque non sabemos quen son”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Sergio Campos, considerou que “estes postos deberían ser cubertos por persoal propio da casa”.

Santiago Freire explicou que “no último mandato non existiu secretaria de Alcaldía” e amosouse convencido de que esta nova estrutura “vai mellorar a atención que se presta aos veciños dentro duns gastos racionais, equiparables ou por debaixo dos de outros mandatos anteriores”.

Asistencias

Outro punto de debate foron as contías por asistencia a órganos colexiados, fixados en 150 euros para os Plenos e Comisión de Coordinación da Xestión Municipal; e 60 euros por asistencia a Comisiones, Xuntas de Goberno Local e Xunta de Voceiros. Unhas contías aprobadas cos votos a favor do PP e NOIA, a abstención do BNG e os votos en contra de PSOE e Marea.

O voceiro da Marea cualificou de “agravio comparativo” a contía da Comisión de Coordinación da Xestión Municipal, “que debería ser o mesmo que as comisións informativas” e considerou “excesiva a subida do pleno. Os 100 euros eran unha contía xenerosa”. Pola súa banda o voceiro socialista destacou que “os concelleiros por vir dúas horas cobramos 75 euros por hora, mentres que un traballador municipal cobra 5 euros por hora. Non estamos de acordo con iso”.

O alcalde de Noia respondeulle a Sergio Campos que “entendo o plantexamento pero poderá comprobar que non chega con dedicar 2 horas para preparar un pleno”. Neste sentido, Freire lamentou as críticas a esta distribución cando “fundamentalmente esta medida favorece aos concelleiros da oposición, pois non é solo a sesión plenaria, é o traballo que hai detrás e o que queremos dende o Goberno é dignificar a actividade dos concelleiros da oposición”.

Sobre ás críticas ás contías, Freire Abeijón lembrou que “as asistencias a comisións neste Concello eran de 250 euros en 2007-2011 e 2011-2015, con gobernos do partido socialista” e lamentou tamén que, a pesar das queixas “non houbo outra proposta alternativa por parte da oposición”.

En canto ao resto da sesión, quedaron conformadas 5 comisións informativas, cuxa periodicidade dependerá do que teñan que informar ao Pleno:

– Economía, facenda, comercio, promoción económica e asuntos xerais
– Medio Ambiente, medio rural, ornato, seguridade, tráfico e protección civil
– Benestar, servizos sociais, igualdade, ensino, cultura, turismo e deporte
– Casco histórico
– PXOM (ata a súa aprobación)

Todas elas estarán presididas polo alcalde de Noia e composta por 4 concelleiros do PP (presidente incluído), 2 do PSOE, 1 da Marea, 1 do NOIA e 1 do BNG. A periodicidade da Xunta de Voceiros será mensual. Finalmente, os grupos municipais constituídos quedan do seguinte xeito:

– Partido Popular. Voceiro: Julio Bustelo Castaño. Suplente: Laura Salgado García. Compoñentes: Santiago Freire Abeijón, Mariola López Cierto, Juan Ramón González Oviedo, Ángeles Neri Arufe e Martín Fernández Godón.
– PSOE. Voceiro: Sergio Campos Nieto. Suplente: María Villaverde Alfonso. Compoñentes: Antonio Manuel Hermo Buceta, Sandra González Castro e Roberto Iglesias Romero.
– Marea Cidadá de Noia. Voceiro: Manuel Seijas Caamaño. Suplente: María Dolores Caramés Hermo.
– NOIA. Voceiro: José Pérez Martínez. Suplente: Marisol Villar Ageitos.
– BNG. Voceiro: Ricardo Suárez García.